Espiñas Coroadas, ata o vindeiro 14 de Xullo na Fundación Laxeiro.
Co
título Espiñas
coroadas,
o artista Lito
Portela
(Moaña, 1958) leva á Fundación
Laxeiro
a súa reflexión sobre a natureza, o home a o estrañamento deste
perante o mundo que nos rodea e nos acolle.
Espiñas
coroadas
é
un proxecto escultórico sinxelo na súa formulación expositiva,
que, a través de tres pezas rotundas, a medio camiño entre o
hiperrealismo e a poesía e utilizando os recursos da tradición
minimalista, propón un espazo limpo, de encontro do home coa
realidade que o rodea e que, frecuentemente, resulta absurda e
inintelixible.
Espiñas
coroadas
significa un fito na traxectoria de Lito
Portela.
Un fito no que a súa linguaxe escultórica abandona preocupacións
construtivas, características na súa obra para espazos públicos,
para centrarse nunha linguaxe orgánica, na que manexa con mestría
os códigos da representación realista, para transcendelos e
propoñer, como di o comisario da exposición, Carlos
L. Bernárdez,
“unha realidade-outra,
paralela ao mundo real, que se carga dunha indubidábel aura poética
e que acaba por constituírse en signos vitais”.
Para
levar adiante este proxecto, ademais desta utilización dos códigos
da mímese, Lito
Portela
manexa con acerto, recursos expresivos do minimalismo, como o xogo de
escala e o diálogo co espazo arquitectónico, que o autor integra
mediante a intervención nos panos expositivos, ademais dunha eficaz
austeridade morfolóxica, materializada na monocromía das pezas e na
súa instalación na sala, sen máis recurso que a súa propia
materialidade, sen peañas, urnas, vitrinas ou calquera outro
elemento propio da retórica da exhibición escultórica.
Este
traballo, que xa fora exposto en 2012 na sala Alterarte
do Campus de Ourense, amosa na Fundación
Laxeiro
unha parte anovadora ao incorporar un capítulo non visto ata agora,
como é o seu proceso de xestación, engadindo unha parte de
reflexión do artista sobre o seu propio traballo que resulta, sen
dúbida, útil para o autor, polo que implica de reformulación,
ademais de ilustrativa para o espectador por ese interese engadido de
acceso aos momentos previos ao resultado final.